O proxecto Mariscadoras ConCiencia, promovido por Anmupesca, continúa o seu desenvolvemento na procura de explicacións e solucións á falta de recurso marisqueiro
Arcade, 27 de outubro de 2024.- O proxecto Mariscadoras ConCiencia, promovido por Anmupesca e financiado polo GALP Ría de Vigo-A Guarda con fondos FEMPA, marcou un novo fito o pasado venres ao celebrar no Multiusos de Arcade o foro de conclusións das actividades que se levan celebrado ata o momento no marco deste programa.
No encontro, ao que asistiron a presidenta de Anmupesca, Rita Míguez de la Iglesia, e o alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo Sobral, participaron representantes das Confrarías de Redondela, Arcade, Vilaboa, técnicos dos colectivos de marisqueo a pé, axentes de extensión pesqueira, biólogas de zona, investigadoras do Centro de Investigacións Mariñas (Cim – Uvigo) e do Future Ocean Labs (Cim – Uvigo), do Ecimat, representantes de Adega Vigo, da Plataforma pola defensa da Ría De Vigo Cies, e da Plataforma en defensa da Enseada e San Simón, do GALP Ría De Vigo – A Guarda, o Instituto de Ciencia Mariña do CSIC.
Na cita puxéronse en valor as visitas ás zonas de marisqueo das Confrarías de Redondela, Arcade e Vilaboa, onde a comunidade científica puido ver in situ como se está a desenvolver o recurso na propia Ría de Vigo, podendo constatar na meirande parte a falta do mesmo e mesmo a montandade que se da en distintas fases de crecemento. Pola contra, tamén se visitaron zonas nas que aparentemente se vai logrando o marisco.
Por outra banda, o colectivo de mariscadoras visitou recentemente a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla onde mantivo un encontro con investigadores de diferentes proxectos relacionados coa produción de marisco en Galicia. Neste sentido, mariscadoras e científicas coincidiron na necesidade de establecer unha alianza para colaborar en distintos estudos de bivalvos e as consecuencias que están a ter o cambio climático na súa supervivencia de cara a poder trasladar ao medio as investigación e avances que están a ter nos laboratorios.
Todos estas visitas foron analizadas no foro, no que as participantes, que eloxiaron este tipo de iniciativas para coñecer os proxectos que se están levando a cabo no sector, acordaron instar á Consellería do Mar a que promova a mesa de transferencia de coñecemento no marco de Redemar ao tempo que recomendaron impulsar un estudo integral do fondo da Ría de Vigo.